O pasado mes de xullo a ONU proclamou o 29 de outubro como o Día Internacional dos Coidados e o Apoio co obxectivo de concienciar sobre a importancia dos coidados e o apoio e a súa contribución chave á consecución da igualdade de xénero e a sustentabilidade das nosas sociedades e economías; Con este día quérese reivindicar a necesidade de investir nunha economía do coidado resiliente e inclusiva, incluído no desenvolvemento de sistemas de coidados e apoio sólidos e resilientes.
Nós tamén quixemos conmemorar esta data e co alumnado de primeiro e segundo do Ciclo Medio Atención a Persoas en Situación de Dependencia comezamos hai quince días a reflexionar e tomar conciencia da necesaria revisión dos coidados, da súa transformación a favor dun sistema de atención e coidado igualitario e respectuoso coas persoas, coa diversidades e que responda con calidade e rigor profesional aos profundos cambios sociais.
A sineira dos coidados foi o primeiro resultado do proxecto e pretende dar visibilidade á evolución dos coidados establecendo un marco temporal de 50 anos ata hoxe para analizar cun sentido crítico e construtivo como foron mudando.
Seguimos nos procesos de transformación para a construción colectiva da aprendizaxe.