Venres, 17/03/2023 · 12:44 p.m.
Actividades físicas e deportivas
Fitness e mobilidade dinámica a cargo de Domingo Sánchez

Oitenta alumnos de Acondicionamento Físico de Vilagarcía e Lalín recibiron formación de fitness e mobilidade dinámica a cargo de Domingo Sánchez

O CIFP Fontecarmoa artella ata o mes de maio un curso de Patróns de movemento e estabilidade

Vilagarcía. 17 de marzo de 2023. O pavillón do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía acolleu esta mañá unha sesión de fitness a cargo de Domingo Sánchez como docente e, como alumnos, con 80 estudantes dos ciclos superiores de Acondicionamento Físico dese centro e máis do IES Laxeiro de Lalín, que acudiron convidados.

Esta actividade está promovida dende o departamento didáctico de Actividades Físicas e Deportivas do Centro Integrado de Formación Profesional Fontecarmoa, que procurou a presenza deste especialista e máis a colaboración entre as institucións.

En concreto, a sesión desta mañá, de catro horas, centrouse na mobilidade no fitness, core e mobilidade dinámica, exercicios de activación da cintura pélvica e cintura escapular e a estabilidade e mobilidade como medio do desenrolo da forza.

Onte xoves, pola tarde, foron seis profesores dos ciclos quen recibiron as leccións de Domingo Sánchez sobre mobilidade pasiva e dinámica, liñas funcionais e cadeas miofasciais, modificación de patróns posturais e progresións da estabilidade e forza muscular cara a construción de patróns de movemento dentro do fitness cun obxectivo principal da mellora da saúde. Os docentes están a seguir unha formación específica durante varios meses para continuar coa súa mellora profesional.

A presenza de Domingo Sánchez en Arousa espertou un notable interese xa que este experto en wellness conta cun amplo recoñecemento derivado dos seus libros sobre actividade física e saúde, adestramento, nutrición e pedagoxía; o portal web https://prowellness.es/ ou os seus programas de adestramento.

Domingo Sánchez é licenciado en Ciencias da Actividade física e Deporte, máster experto en actividade física e saúde, relator en numerosos congresos e profesor colaborador coa Facultade de Ciencias da Actividade Física de Madrid, Facultade de Toledo e Universidade Europea CES.