Mércores, 17/04/2024 · 2:19 p.m.
Ensinanzas deportivas
Charlas Olimpismo e Deporte

Unha vez máis, o Ciclo Formativo de Técnicos Deportivos en Baloncesto do CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía organiza para os seus alumnos, tanto de Grao medio como de Grao superior, un relatorio a cargo dun profesional de dilatada experiencia no baloncesto profesional.

O venres 19 de abril a partir das 10.30h, no salón de actos do centro, contaremos cun relatorio do adestrador con máis partidos da Liga Endesa ACB, Aíto García Reneses.

O técnico madrileño xa estivo no Clinic Vilagarcía 2017 e repetirá visita grazas á mediación tamén da súa Fundación Aíto García Reneses.

O relatorio está dirixida aos alumnos do grao medio e grao superior dos ensinos deportivos de baloncesto pero calquera xogador/adestrador/árbitro/afeccionado pode achegarse a gozar dun dos mellores adestradores do baloncesto e cun gran sentido didáctico.

Aíto García Reneses coñece ben os fortes vínculos do baloncesto coa comarca do Salnés, xa que tamén acudiu con Gran Canaria e Alba Berlín en tres ocasións a disputar o recoñecido Torneo EncestaRías.

O CIFP Fontecarmoa aproveitará a presenza de Aíto García Reneses para organizar un foro sobre Olimpismo e deporte aproveitando a súa experiencia nos XX.OO. de Pequín onde gañou a medalla de prata coa selección española masculina.

Ademais estará escoltado por Xisco Gil, seleccionador olímpico de vela e Pepe Casal, o seu preparador físico na etapa do FC Barcelona e coa selección olímpica.

Estas actividades enmárcanse dentro do proxecto de formación de profesorado do equipo docente de ensinos deportivos de baloncesto e vela.

O proxecto, sobre Actualización científica nas ensinanzas deportivas, complementarase o xoves 18 de abril coa participación na Feira Innovart na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

O CIFP Fontecarmoa tamén organizará na sede compostelá unha charlas con Fernando Fernández Fraga e Anxo Fernández, responsables na Consellería de Educación da integración e funcionamento destes atractivos ensinos oficiais dentro do deporte.

A semana pasada xa se tivo unha conferencia en liña con Ignacio Melendro, do CSD, onde se puxeron en valor os ensinos deportivos oficiais e a necesidade de aumentar a oferta pública e adaptarse ao marco laboral actual.

O obxectivo do CIFP Fontecarmoa é seguir sendo a referencia de ensinanzas deportivas de baloncesto e vela de Galicia, e xa se está planificando co CFR de Pontevedra a posibilidade de volver realizar unha nova edición do Clinic de Vilagarcía a finais do mes de xuño.