O CIFP Fontecarmoa desenvolverá, a partir deste próximo mes de outubro, unha serie de actividades dirixidas ao alumnado que se enmarcan dentro do programa Aulas de Emprendemento na Formación Profesional 2023 e que teñen coma obxectivo común o fomento da cultura emprendedora e a adquisición de habilidades persoais e profesionais encamiñadas a potenciar o emprendemento e o autoemprego.
O calendario de actuacións comeza os próximos días 17 e 18 de outubro coa actividade “Emprende JAM”, que ten como obxectivo o de motivar e mover ao alumnado cara a unha mentalidade de crecemento emprendedor e dotalos de competencias básicas para o emprendemento. O día 19 de outubro celebrarase o taller “Elevator Pitch: eleva as túas ideas“, destinado a alumnado de grao superior, co que aprenderán os fundamentos do elevator pitch e coma desenvolvelo de xeito efectivo.
Estas son, entre outras, algunhas das actuacións que está previsto que se celebren ao longo do primeiro trimestre deste curso escolar.
O programa Aulas de emprendemento na Formación Profesional ten como obxectivo a creación dunha Rede de aulas de emprendemento para o desenvolvemento de actividades de emprendemento nos centros educativos públicos que impartan ensinanzas de grao medio ou superior de Formación Profesional, para canalizar as iniciativas emprendedoras do alumnado do centro educativo, e en particular do alumnado que está próximo a finalizar os ciclos, mediante un sistema de orientación, guía e titoría das ideas emprendedoras aportadas polo propio alumnado.
A actuación de Aulas de emprendemento na Formación Profesional enmárcase na colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e o Ministerio de Educación y Formación Profesional dentro do Plan de Modernización de la Formación Profesional a través da compoñente 20 – Plan Estratégico de Impulso de la Formación Profesional– do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia (PRTR).