Martes, 17/12/2024 · 11:16 a.m.
Comercio e marketing
O Nadal chega as rúas da man dos estudantes do CIFP Fontecarmoa


A clase de segundo curso do ciclo superior de Xestión de vendas e espazos comerciais decorou a Praza do Quinto Centenario con adornos de nadal.

Esta mañá, os estudantes de segundo curso do ciclo superior de Xestión de vendas e espazos comerciais do CIFP Fontecarmoa afanáronse en adornar a Praza do Quinto Centenario, na Rúa Arzobispo Xelmírez de Vilagarcía, cunha grande variedade de enfeites de Nadal elaborados por eles mesmos.


A idea de saír das clases ás rúas, da teoría á práctica, sae do seu módulo de Escaparatismo e deseño de espazos comerciais, impartido pola profesora Naty Señoráns, docente no departamento de Comercio e Márketing, quen tamén se encargou dos diferentes trámites e permisos no Concello.


A delegada da clase, Judith Iglesias, sinala: “Foi todo un reto para nós, quero agradecer especialmente aos meus compañeiros o traballo realizado e a Naty, que sen ela, non sería posible. Durante máis dun mes, dedicamos todo o noso tempo e recursos para que todo saíse perfecto. Cada detalle foi pensado para mostrar a nosa creatividade, o traballo en equipo e sobre todo o noso compromiso”. E salienta que “este proxecto non só nos permitiu aplicar o que aprendemos na aula, senón tamén vivir unha experiencia enriquecedora como equipo de traballo. Simplemente queremos agradecer a todos os amigos, familiares e ao CIFP Fontecarmoa por apoiarnos en todo momento. Para nós, ver o resultado final e saber que contribuímos a facer desta praza un lugar especial durante estas datas é o maior recoñecemento”.


Para Naty Señoráns esta iniciativa “está sendo unha experiencia positiva por todo o que implica. A finalidade
principal deste proxecto de decoración de Nadal é que o alumnado faga unha práctica real completa, que estea preparado para saír ao mundo laboral e que coñeza todo o que implica facer unha actividade deste tipo, en canto traballar en equipo para acadar un obxectivo común”.


Por último, a docente apunta que “outro aspecto que se pretende é dar a coñecer unha parte da formación que ofrece o Fontecarmoa, máis concretamente, o ciclo superior de Xestión de vendas e espazos comerciais. Quero dar as grazas e os parabéns ao alumnado participante xa que sen a súa colaboración e o seu fantástico traballo isto non iría adiante; ademais, non me podo esquecer do apoio das súas familias, do centro que nos permite levar a cabo estas actividades e do Concello de Vilagarcía por cedernos o espazo”.


A decoración poderá contemplarse na Praza do Quinto Centenario ata que rematen as festas.