Xoves, 14/03/2024 · 12:04 p.m.
Biblioteca
O actor Federico Pérez achegouse ao CIFP Fontecarmoa para parolar cos alumnos sobre a súa traxectoria e a vida

A biblioteca acolleu esta actividade organizada dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega

Vilagarcía. 5 de marzo de 2024. O Centro Integrado de Formación Profesional Fontecarmoa de Vilagarcía recibiu a visita do actor Federico Pérez quen, xunto aos alumnos, foi o protagonista dunha actividade organizada dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Centro.


Durante unha hora, na biblioteca, rapazas e rapaces dos ciclos de Servizos Comerciais, Industrias Alimentarias e Actividades Comerciais puideron coñecer máis sobre como funciona o sector audiovisual e cultural de Galicia.


Un capítulo de Era Visto, a serie de éxito da TVG na que tomou parte Fede Pérez, serviu de introdución para unha actividade informal na que tamén houbo presenza de profesorado. O mundo da televisión, do cine e do teatro; o sector da dobraxe; ou a relación e as posibilidades da lingua galega foron parte dos contidos que se tocaron nesa sesión.


Dende o EDLG do Fontecarmoa quérese agradecer a colaboración desinteresada e implicación do actor, quen puxo todas as facilidades posibles para que se realizase esta acción.