Martes, 15/11/2022 · 9:26 a.m.
Xeral
Concurso de logotipos para o CIFP FONTECARMOA

Como é sabido, neste curso escolar o noso centro volve cambiar de tipoloxía, tendo agora mesmo deixado xa de ser un Instituto de Educación Secundaria (IES), para volver a ser un centro de formación profesional. Neste caso, un Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP).

A resultas deste cambio, está previsto que tamén cambie a súa denominación, para volver a empregar o topónimo do lugar no que se ubica. Así, o centro cumprirá coa norma xeral para a denominación deste tipo de centros, e, de paso, recuperará o seu nome orixinal.

Deste xeito, o CIFP Fermín Bouza Brey convertirase no CIFP Fontecarmoa, actuación que xa foi aprobada en reunión do Claustro de profesorado, e que foi ratificada por parte do Consello social do centro.

Estes cambios teñen diferentes repercusións, sendo unha delas a referente á cartelería oficial do centro, que deberá ser renovada.

Neste contexto, e con ánimo de dar voz e voto á comunidade educativa na elección dun dos principais elementos representativos do centro, o Equipo de dinamización do plan dixital convoca ao alumnado a participar deste concurso de logotipos, que terá como premio unha tableta de deseño gráfico profesional!!

Anímate e participa!!

BASES DO CONCURSO

1. Obxecto.

O presente concurso ten por obxecto o deseño dun logotipo destinado a ser a imaxe corporativa oficial do CIFP Fontecarmoa.

Este logotipo será o empregado en tódalas comunicacións e difusións de información tanto a través da web coma de documentos escritos.

2. Participantes.

Poderá participar todo o alumnado matriculado no CIFP Fontecarmoa no presente curso 2022-2023.

A participación será individual, e cada participante poderá presentar unha única proposta.

Para participar, haberá que facer unha pre-inscrición, preferiblemente antes do día 15 de marzo.

A pre-inscrición farase vía correo electrónico, o asunto do correo será “Concurso Logotipo Fontecarmoa”, e na mensaxe se indicarán o nome e apelidos do participante.

O correo deberá ser enviado dende a mesma dirección que figure no perfil do participante, na aula virtual do centro (revisar, de ser o caso).

O correo electrónico será enviado á dirección:

participa@cifpfontecarmoa.net

3. Deseños.

3.1. Os deseños deberán ser orixinais e inéditos, sendo a persoa autora a responsable de que se cumpra esta condición. Os participantes certificarán que o logotipo é froito do seu propio traballo e creatividade persoal, e que non se infrinxiron dereitos de autor de terceiras persoas.

3.2. As propostas consistirán na presentación dun logotipo íntegro, é dicir, un símbolo e unha denominación, con dúas versións: unha sen texto, e outra onde aparecerá o lema “CIFP Fontecarmoa”.

3.3. O símbolo deberá reflectir a identidade do centro, e se fará tomando como referencia algún elemento significativo, ben da contorna de Vilagarcía de Arousa, ben dos correspondentes estudos que conforman a súa oferta educativa.

3.4. A técnica será libre, sempre que sexa posible a fiel reprodución do logotipo por cuatricromía (CMYK, ou Cyan, Magenta, Yellow, Black). De ser o caso, o deseño en color deberá ir acompañado dunha versión monocroma (en branco e negro ou en escala de grises). O obxectivo é posibilitar a súa fácil reprodución para a súa posterior utilización tanto en documentos a color RGB, como a unha tinta en branco e negro, e tendo en conta que os deseños serán reproducidos en distintos soportes e materiais. Por estes motivos, recoméndase que o número máximo de colores sexa de 3. 

3.5. As propostas serán presentadas en soporte dixital, preferiblemente en formato de gráfico vectorial escalable (.ai, .svg, .pdf, .eps, .odg, ou .dxf). De se presentar nun formato de gráfico matricial ou con resolución fixa (.psd, .png, .jpg, ou .tiff), deberase usar un tamaño mínimo de 2.000 píxeles ao ancho, recomendándose neste caso a maior resolución posible.

3.6. A tipografía deberase enviar con descrición técnica, indicando fonte, tamaño, e cor.

3.7. Serán automáticamente excluídas todas aquelas propostas que conteñan connotacións sexistas, xenófobas, racistas, homófobas ou ofensivas contra as persoas ou as institucións.

3.8. Os participantes deberán gardar copia do material presentado, xa que os ficheiros enviados non serán devoltos.

3.9. Unha vez enviada unha proposta, esta non poderá ser retirada.

4. Dereitos de propiedade intelectual e de reprodución.

4.1. A proposta premiada será cedida ao centro, que reservará para sí tódolos dereitos de propiedade, reprodución, edición, exposición e uso. A persoa autora da proposta gañadora, polo tanto, deberá ceder expresamente tódolos dereitos en relación co traballo realizado, de tal xeito que o CIFP Fontecarmoa pasará a ser propietario de tódolos dereitos de propiedade industrial e intelectual que puidesen corresponderlle.

4.2. A organización reservarase os dereitos de reprodución do logotipo mediante os formatos e a través dos medios que considere oportunos; de modificación do mesmo, a fin de optimizalo para a súa posterior impresión; de adaptación, cando as características do material ou obxecto sobre o que se vaia reproducir, non permitan facelo de maneira completa; e tamén, o dereito de facer uso por separado dos elementos do logotipo.

5. Presentación das propostas.

A presentación das propostas poderá facerse ata as 23:59 horas do día 21 de maio de 2023.

Para a entrega dos ficheiros, habilitarase un espazo específico na aula virtual do centro.

6. Membros do xurado e elección da proposta gañadora.

6.1. Ningún dos membros do xurado poderá participar no concurso.

6.2. A composición definitiva do xurado darase a coñecer o día 19 de maio, e incluirá unha representación de cada un dos seguintes colectivos: Equipo directivo, Consello social, Profesorado, Alumnado e Persoal de administración e servizos.

6.3. O xurado decidirá as propostas admitidas e excluídas, con indicación dos motivos de exclusión.

6.4. Elección de finalistas: O xurado seleccionará alomenos 3 propostas finalistas, que serán publicadas o día 30 de maio.

6.5. Elección da proposta gañadora: A proposta gañadora será elixida, de entre as propostas finalistas, por votación dos membros do profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos. O resultado das votacións será feito público o día 15 de xuño.

6.6. O xurado poderá declarar o premio deserto se considera que ningunha proposta cumpre cos requisitos solicitados.

6.7. O xurado terá a potestade de resolver todo caso non previsto nestas bases da convocatoria.

7. Premio.

A proposta gañadora recibirá unha tableta de deseño gráfico profesional, modelo HUION Kamvas 13, ou similar, xunto cun diploma acreditativo.

As propostas finalistas recibirán un usb conmemorativo e sendos diplomas acreditativos.

Tódolos participantes recibirán un diploma acreditativo.

Farase entrega dos premios, no mesmo acto de entrega de notas finais do curso.

8. Aceptación das bases.

A participación no concurso leva implícita a aceptación destas bases e o fallo do xurado.

9. Órgano convocante.

Esta actividade é realizada segundo o Obxectivo 2 do Plan Dixital (documento dispoñible na sección de “documentos do centro” deste mesmo sitio web), e é levada a cabo polo Equipo de dinamización do plan dixital.

Para contactar por causa deste concurso, dirixirse a:

Elena Lago (profesora de comercio).

Isabel Ramallal (profesora de sanidade).

Jose Angel Araújo (profesor de electricidade e electrónica, e coordinador do equipo).